Friday 03 de May de 2024

Últimos días para inscribirse no curso de Mediación social en prevención


O Concello de Fene promove esta acción formativa canda os de Mugardos e Neda

Ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de solicitude. O último día é este xoves

No marco do proxecto de prevención de condutas aditivas, o Concello de Fene e a agrupación de Concellos de Mugardos e Neda organizan un curso de “Mediadores/as sociais en prevención”, subvencionado pola Consellería de Sanidade.

Esta acción formativa desenvolverase na Casa da Cultura de Fene entre os meses de maio e xuño (os luns 2, 9, 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño), en horario de 18.00 a 20.00 horas. As sesións serán impartidas por persoal técnico de ASFEDRO e as prazas (ata un máximo de 15) cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Para asistir cómpre entregar debidamente cuberta a folla de inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais, ou enviala por correo electrónico a servizos.sociais@fene.gal. O prazo finaliza este xoves 28 de abril.

O curso de “Mediadores/as sociais en prevención vai dirixido a “un conxunto amplo e diverso de persoas que poden exercer unha función mediadora na prevención de condutas aditivas, cumprindo funcións de dinamización da comunidade”, por exemplo, membros da policía local, de protección civil, representantes das entidades sociais, culturais, deportivas, ANPAS, monitorado e, mesmo, familias.

Os obxectivos do curso son: mellorar as actitudes preventivas das persoas mediadoras; incrementar os coñecementos sobre contidos preventivos; e aumentar as habilidades para a planificación de programas preventivos. Neste senso, entre os contidos a tratar, salientan a adolescencia, as drogas e as adiccións, a saúde comunitaria ou o papel da persoa mediadora na prevención de condutas adictivas.